Imaxínaste que serías capaz de facer se tiveses visión a 360º? Sabes que as curuxas teñen esa capacidade de ver todo ao seu redor? Cando me convidaron a intervir no evento LGx15 Ideas para o futuro da Lingua da CTNL, pensei que para contribuír a un mellor futuro da nosa lingua precisamos activar unha visión máis ampla e poderosa e a iso foi ao que lle chamei Efecto Curuxa.

Esa visión debe permitir poñer en valor tanto o noso patrimonio material coma o inmaterial e facernos entender a riqueza de ser como somos. E en todo isto pode xogar un papel importante o deseño, como ferramenta para axudarnos a definirnos, entendernos e representarnos.

Por que Francia logra posicionar tantos dos seus produtos coma luxo? Por que Italia constitúe o paraíso da estética e Alemania a meca da enxeñería? Quen se encargou de definilos así?

Evidentemente en todo isto entran en xogo as políticas que se desenvolven nos diferentes países, e en Galicia son necesarias políticas que vaian máis alá de promover que nesta terra se come moi ben e que hai fermosas paisaxes. Faise preciso incentivar a nosa condición de potencia creativa, como se demostra de xeito moi destacado nas esferas da poesía, da música ou do audiovisual, e como tamén comeza a albiscarse na arquitectura, nas artes plásticas ou nas artes escénicas.

Queremos ver o vaso medio cheo e non ser o extremo dunha península, senón a porta a un océano que nos conecta con multitude de territorios. Cando medramos como país, a nosa lingua medra con nós.

More Posts

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.